Saturday 18 de May de 2024

Corenta mozos e mozas de Guillena (Sevilla) visitan Brión


Un grupo de corenta mozos e mozas de Guillena (Sevilla) está a visitar durante estes días o municipio de Brión, reeditando unha vez máis os intercambios xuvenís entre ambos municipios iniciados no ano 1992 co gallo da Exposición Universal de Sevilla. Agora, 27 anos despois, os fillos e fillas daqueles primeiros rapaces a rapazas de Guillena volven estes días a Brión para coñecer este pobo do que tanto escoitaron falar.

O alcalde de Brión, José Luís García, foi o encargado de darlles a benvida oficial “á súa casa” e agradeceu que “estas boas relacións entre Guillena e Brión non se perdan no tempo”, instando ao mantemento deste tipo de intercambios. Seguidamente o grupo de mozos e mozas visitaron a capela e a Carballeira de Santa Minia, así como a igrexa de San Xulián de Bastavales, onde puideron desfrutar do toque de campás que o campaneiro, de xeito excepcional, fixo na honra dos visitantes.

27 anos despois

As relacións entre os Concellos de Brión e Guillena comezaron no 1992 co gallo da Exposición Universal de Sevilla. “Durante ese verán queriamos levar un grupo de rapaces e rapazas a visitar a exposición e, buscando poboacións preto de Sevilla de características similares a Brión na que poder aloxar aos nosos nenos e nenas, apareceu un pouco por casualidade Guillena. Durante ese verán, o colexio publico de Guillena acolleu gustosamente aos 150 brioneses que puideron desfrutar duns inolvidables días de amizade, diversión e convivencia”, lembra García.

Pero a cousa non quedaba aí, pois o ano seguinte celebrábase en Compostela o Xacobeo’93 e os guilleneros devolveron a visita a Brión traendo un numeroso grupo de nenos e nenas que se aloxarían no CEIP Pedrouzos. Tal foi o éxito deste intercambio que se volveu a repetir nos anos 2005 (cando os guilleneros visitaron Brión), no 2006 (os brioneses viaxaron a Guillena) e no 2010 (onde os brioneses foron a Guillena e, na viaxe de volta, guilleneros visitaron Brión).